Main Menu

Clesa lanzará o iogur con sabor a Estrella Galicia

Clesa Estrella Galicia

Guerra nos andeis dos supermercados polo sabor máis galego

A sobremesa láctea de licor café comercializada por Larsa xa ten competidor. O grupo de cooperativas que integran Clesa anunciou a próxima posta á venda doutro iogur con sabor tipicamente galego. Será o primeiro produto a partir do leite con incorporar o inconfundible sabor da cervexa Estrella Galicia. Segundo Clodomiro Antunes, voceiro de márketing de Clesa, “consumir os nosos iogures producirá unha sobredose de galeguidade”. “Ademais”, engadiu, “será un produto sen alcol, para que o poida consumir toda a familia”. A iniciativa é posible grazas a un acordo coa empresa Hijos de Rivera.

A Asociación de Viúvas de Lugo xa criticou a iniciativa. “Vai supor o inicio no alcoholismo para os miles de crianzas galegas que proben o iogur”, indicou nun comunicado. Pola súa banda, Clesa confía en que o lanzamento do seu produto teña tanto éxito que sexa complicado atopar existencias del nos andeis dos supermercados da Galiza. Porén, o especialista en tendencias de consumo friki Estevo Eanes amosou o seu temor por que o novo iogur “sufra a mesma sorte ca o de licor café, que quedaba sen stock as primeiras semanas, pero que despois foi descendendo paulatinamente en vendas, cando a xente descubría que en realidade non sabía a licor café, senón a tiramisú”. Así mesmo, confiou en que as empresas leiteiras galegas sigan apostando pola innovación “e non acaben por retirar os seus novos sabores, como acaba pasando sempre”.

Espérase que o iogur saia á venda ao longo do mes de abril.

Clesa Estrella Galicia

Iogur Clesa de Estrella Galicia






Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *