Main Menu

Inditex ofrecerá mamografías nos Bershka

Mamógrafo instalado nunha tenda Bershka

A Fundación Amancio Ortega anunciou que vai dar un paso máis na súa estratexia de flexibilizar e facer máis eficiente a sanidade pública. A partir de agora deixará de efectuar doazóns aos servizos públicos de saúde. No seu lugar, aproveitará as infraestruturas existentes nas súas redes de tendas para ofrecer servizos de saúde “a un módico prezo”.

O primeiro paso será instalar mamógrafos nas súas tendas Bershka, “para así facilitarlles ás nosas clientas que poidan facer esas revisións periódicas que a sanidade pública lles nega”, explicou Álvaro Clemente de la Serna-Iribarne, voceiro da estratexia sanitaria de Inditex. “É moito máis práctico así, e evitámoslle á sociedade pagar impostos para financiar uns servizos inútiles, dos que só se están a aproveitar e abusar os inmigrantes, que por riba queren que lles paguemos uns soldos excesivos polo seu pésimo traballo téxtil”, engadiu.

Mamógrafo instalado nunha tenda Bershka

As tendas Bershka foron seleccionadas para ofrecer o servizo de mamografías “polo seu público eminentemente feminino”, afirmou Álvaro Clemente. “Ademais, humanizaremos o xeito en que se efectúa esta incómoda proba, grazas á música chundachunda relaxante que soa nos nosos centros”.

A Consellería de Sanidade aplaudiu a iniciativa de Inditex e da Fundación Amancio Ortega, afirmando que “Amancio é un auténtico patriota galego. E grazas á posta en marcha destes aparatos nos seus centros, aforrarémonos ter que instalalos no hospital Álvaro Cunqueiro”. Tamén a Asociación Liberal Galega deu o seu visto e prace á medida adoptada pola multinacional téxtil, animando a outras empresas a emprender ideas semellantes.

De feito, Burger King está valorando ofrecer análises de sangue nos seus restaurantes “para garantir a saúde e os niveis óptimos de colesterol dos nosos clientes”, afirmou Glenda Nakachian, voceira da empresa. “Probablemente ofrezamos análises de balde ás persoas que consuman catro menús xigantes á semana durante 6 meses”, recalcou.

 






Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *